ESCRITORES E XORNALISTAS DE GRAN PRESTIXIO NO PANORAMA LUCENSE E GALEGO CONFORMAN O XURADO DO PREMIO DA FUNDACIÓN JACINTO CALVO

  • Martes, 06 Xul 2010
  • Novas

MIGUEL VÁZQUEZ CALVO, LOIS CAEIRO, ARCADIO SILVOSA, MA. JESÚS SOUTO BLANCO E DARÍO XOHÁN CABANA SERÁN OS ENCARGADOS DE ESCOLLER O ARTIGO MERECEDOR DO GALARDÓN AOS VALORES SOLIDARIOS E AO COMPROMISO SOCIAL

A Fundación Jacinto Calvo lanzou hai uns meses a convocatoria para o seu premio aos valores solidarios e ao compromiso social. Dotado de 1.500€, este galardón fará un recoñecemento ao autor dun artigo xornalístico que se centre na potenciación dos valores da solidariedade, na defensa dos valores democráticos e na sensibilización dos diferentes sectores da sociedade, respecto ás necesidades e demandas dos colectivos sociais máis vulnerables. A data límite de entrega dos exemplares é o 15 de xaneiro de 2011.

Para a valoración dos artigos xornalísticos participantes esta entidade lucense contará cun xurado conformado por 5 membros, ademais do secretario da Fundación, Serafín Fernández Gómez.

Miguel Vázquez Calvo. Actual presidente da Fundación Jacinto Calvo. Foi delegado da consellería de Traballo, na pasada lexislatura autonómica. Ademais foi edil e voceiro no concello de Lugo. É profesor titular de ensino medio de lingua e literatura española.

María Jesús Souto Blanco. Doutora en Historia Contemporánea, pola Universidade de Santiago de Compostela, é especialista na represión franquista en Lugo, cun gran número de publicacións sobre o tema. É, tamén, coordinadora, entre outros, do Proxecto de Investigación Interuniversitario “As vítimas, os nomes, as voces e os lugares”.

Lois Caeiro (Luis Rodríguez). Ademais de ocuparse, actualmente, da dirección do xornal lucense El Progreso, pertence ao Consello da Cultura Galega. É profesor colaborador honorífico da facultade de Ciencias da Información da Universidade Complutense de Madrid, e cabe destacar a súa dilatada e brillante traxectoria profesional sempre vinculada ao mundo da comunicación.

Darío Xohán Cabana. Este escritor de recoñecido prestixio é peza clave da literatura galega cunha extensa obra poética, narrativa e como tradutor. Ocupa un posto como membro da Real Academia Galega, dende o ano 2006. Tamén desempeña o seu labor como funcionario do concello de Lugo.

Arcadio Silvosa. Desempeña o cargo de xefe de Informativos da cadea SER de Lugo e traballa como corresponsal do xornal El PAIS nesta mesma cidade. É un referente imprescindible do xornalismo galego. Ademais do seu recoñecido prestixio entre os lucenses, no ano 2008 recibiu o PREMIO Á TRAXECTORIA PROFESIONAL, concedido polos seus compañeiros da Federación Galega da Prensa Deportiva.

©2018 Fundación Jacinto Calvo

Acceso usuarios