A FUNDACIÓN JACINTO CALVO CONVOCA A SEGUNDA EDICIÓN DO SEU PREMIO AOS VALORES SOLIDARIOS E AO COMPROMISO SOCIAL

  • Mércores, 01 Feb 2012
  • Novas

O PRESIDENTE DA ENTIDADE LUCENSE, MIGUEL VÁZQUEZ CALVO, EXPLICA QUE “PREMIARASE NOVAMENTE CON 1.500€ AO ARTIGO XORNALÍSTICO QUE MELLOR DEFENDA OS VALORES DEMOCRÁTICOS E QUE INTENTE SENSIBILIZAR Á SOCIEDADE RESPECTO DOS COLECTIVOS MÁIS VULNERABLES”.

PODERÁN PARTICIPAR AQUELAS PUBLICACIÓNS EN MEDIOS DE COMUNICACIÓN ESCRITOS OU DIXITAIS, FIRMADOS POLO SEU AUTOR, EN CASTELÁN OU GALEGO, DE ENTRE O 1 DE XANEIRO E O 31 DE DECEMBRO DE 2011.

A Fundación Jacinto Calvo aproba, por decisión do seu padroado, a convocatoria da segunda edición do premio que leva o nome da entidade e que galardoa aos valores solidarios e o compromiso social reflectido en artigos xornalísticos. O presidente da entidade, Miguel Vázquez Calvo, explica que “premiaremos novamente con 1.500 euros a aquel artigo, que previa selección a través dun xurado cualificado e conformado por lucenses recoñecidos, que mellor defenda os valores democráticos e que intente sensibilizar á sociedade respecto dos colectivos máis vulnerables”.

No concurso poderán participar todos aqueles artigos xornalísticos publicados por primeira vez entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2011, en castelán ou en galego, en medios de comunicación escritos ou dixitais, tanto diarios, como revistas de calquera periodicidade, españois ou estranxeiros, asinados polo seu autor.

Dende a Fundación explican que “o tema dos artigos deberá centrarse na potenciación dos valores da solidariedade, a defensa dos valores democráticos, a acción social e a sensibilización dos diferentes sectores da sociedade, respecto ás necesidades e demandas dos colectivos sociais máis vulnerables, o apoio e promoción dos mesmos e da igualdade entre homes e mulleres”.

Así mesmo, sinalan que a data límite para presentación dos artigos aspirantes ao premio é o 29 de febreiro de 2012. As Bases do concurso encontrase publicadas na páxina web da Fundación, https://www.fundacionjacintocalvo.org/ .

Cabe lembrar que a gañadora da pasada edición foi a xornalista madrileña Silvia Melero Abascal pola súa reportaxe “Esclavitud ayer y hoy”, sobre a explotación infantil en Benin (África). Dicir da premiada que traballou, entre outros, para Revista 21, Humania TV, ONG FAMI de Madagascar, Revista Cambio 16, Axencia EuropaPress e Televisión Española. E que, ademais do premio da Fundación Jacinto Calvo, Melero xa recibiu outros galardóns polo seu traballo, como o 2º Premio Periodístico UNICEF 2005, o Premio Nacional no Premio Europeo de Xornalismo pola Diversidade 2009 e o Premio de Periodismo ‘Adolescencia e Alcohol’ da Fundación Alcohol e Sociedade 2009.

A súa vez, recordar que a Fundación Jacinto Calvo ten vocación de promover, impulsar e canalizar as iniciativas que contribúan ao desenvolvemento político e social e ao progreso económico e cultural da provincia de Lugo, fomentando e desenvolvendo o pensamento socialista, para acadar unha sociedade máis desenvolvida, xusta, solidaria, igualitaria, democrática, participativa e respectuosa.

©2018 Fundación Jacinto Calvo

Acceso usuarios